FESTICULTORES TROUPE

Festicultores Troupe cumpren en 2016 once anos de misións polo mundo adiante espallando Festicultura. Para celebralo van de riola cun novo espectáculo, unha proposta sorprendente, alegre e participativa onde a interacción co público é a nota dominante.

O Festicidio Colectivo é unha festa apoteósica, épica, frenética e analxésica. Unha sobredose de trouleo coa que o índice de mortaldade das depresións roza o 101% e ata os máis apoucados viran caralláns e garuleiros.

Humor e coreografías mestúranse nun novo repertorio musical onde a fusión de melodías balcánicas e circenses con ska, rumba e electrónica a alto voltaxe fan que o público goce plenamente da Festicultura.

Todo comeza cando unha noite de lúa chea Emilio Oro sofre unha transformación xenética e cerebral que o leva a converterse na Kabra Macabra. Logo de meses de andaina co seu carriño de música itinerante e moita vida social decide recrutar tropa para revolucionar o mundo das charangas en Galicia. Nace así á altura do ano 2005 Festicultores Troupe.

Tras varios anos de traxectoria nas rúas deciden dar o salto ao escenario en base á demanda deste espectáculo por varios festivais. Despois de compartir espazo varias veces con Manu Chao, Emir Kusturica, Gogol Bordello, Fanfare Ciocarlia, Ojos de Brujo ou Macaco, percorreron terras afastadas como Serbia, Polonia, Italia, Francia e Portugal, ademáis de moitas cidades de España. Suman xa máis de 400 actuacións cunha proposta que segue sen deixar indiferente a ninguén, pois a súa meta nos concertos é crear un ambiente festivo e catártico, onde a xente participe activamente coa súa música e os seus gags de humor.

Sen dúbida, unha das propostas máis orixinais e festeiras do panorama musical galego actual, que sempre fai bailar e desfrutar ao público durante horas de festa total.

 

festicultores

AdminFesticultores Troupe